|
O goberno municipal boirense asegura que case todas as propostas da ABE están en marcha Sinala que varios proxectos están pendentes da consecución dos terreos Acusa á patronal de non colaborar no desenvolvemento dos plans parciais
O executivo de Boiro saíu onte ao paso das críticas vertidas pola patronal local, sinalando que a maioría das once propostas que figuran no plan estratéxico deseñado pola asociación están en marcha. De feito, o goberno municipal boirense tamén as considera fundamentais para o desenvolvemento do municipio e asegura estar traballando na súa consecución. No proceso previo á realización dalgúns destes proxectos, o goberno boirense atopouse con problemas para facerse cos terreos, o que está atrasando a execución de varias obras. Os rexidores sinalan que este é o caso da construción do paseo do río Coroño e da ampliación do polígono de Espiñeira. En canto a esta actuación, apuntaron que as obras empezarán no 2007. O goberno local recoñece que o recinto existente presenta deficiencias, pero sinala que fixo as xestións oportunas para que Xestur se faga cargo da súa corrección: "Cando chegamos á alcaldía o polígono estaba nun estado lamentable e tivemos que dotalo dun novo alumeado e dunha rede de sumidoiros", apunta o un membro do goberno municipal boirense. O Concello sostén que tamén leva tempo traballando no deseño dun proxecto para dotar de paseo ao río Breiro. Explica que se trata dun plan integral, no que estarán incluídas as zonas da Pedreira e a bolsa de terreo situada entre a canle fluvial e a avenida de Barraña. Neste sentido, o executivo boirense acusa á patronal de non colaborar no desenvolvemento dos plans parciais, pese a ser unha petición da directiva anterior. Nun destes plans, concretamente o de Barraña, o goberno local espera habilitar terreo para unha estación de autobuses. O goberno municipal boirense tamén confía en que as obras de ampliación do peirao comercial de Cabo de Cruz comecen o próximo ano.
|