Menú principal
Inicio
Listado
Enlaces
Mapas
Firmas
Contactar
Buscar
Novas externas
Foro
Formulario de acceso





¿Recuperar clave?
¿Quiere registrarse? Regístrese aquí
Sindicación
Últimas novas
Destacamos
O peor negocio da historia de Boiro (para o pobo) Imprimir E-Mail
escrito por Pablo Arias   
sábado, 12 de mayo de 2007

Brinde con pacharán
O EQUIPO de goberno de Boiro aprobou o novo convenio con Eroski. Preténdese cambiar os 16.500 metros cadrados de edificabilidade que a firma posúe en Goiáns por 54.600 en Pedreira. Con esta operación, o pazo e a leira de Goiáns pasarán a titularidade pública e a empresa veráse compensada por esa cesión cunha nova gran bolsa de terreo, o triplo do anterior, en pleno centro de Boiro. A falta de explicacións precisas e claras que descoñezo, o resultado da negociación é tan favorable á firma vasca que os seus directivos deben estar brindando con pacharán.

Desde o punto de vista político resulta sorprendente que o equipo de goberno someta a votación este acordo no último pleno do mandato. Soamente pode explicarse se tiña coñecemento do voto que lle faltaba, o contrario é politicamente absurdo, salvo que sexan masoquistas.
En canto ao fondo do asunto, esta operación xestouse mal desde o principio. O goberno estivo tratando coa firma vasca coma se tratásese dunha negociación entre iguais. Esqueceu algo elemental, que unha empresa seria non fai nada contra a opinión dun concello se o seu goberno ten unha posición firme e decidida. No canto de porlle as cousas claras, o goberno de Boiro dedicouse a regatear con Eroski, desvelándolle cada vez máis as súas ansias por Goiáns e aumentando o seu poder negociador, algo no que a empresa é experta.  

Estado de deterioración

Desde o acceso á Xunta dos mesmo socios que gobernan en Boiro, non se viu ningún xesto de apoio de ningunha consellería para limitar as esixencias da firma vasca. é máis, desde que Eroski é propietaria, o conxunto arquitectónico de Goiáns foise deteriorando progresivamente sen que nin o Concello nin a Xunta fagan nada por impedilo.
Eroski
xa estaba nunha situación xurídica precaria co seu anterior convenio. Pero desde este martes, coa entrada en vigor da lei de protección do litoral, a súa potencia negociadora achegábase a cero, porque toda a contorna resulta afectado. E moi probablemente, a paralización cautelar da edificación convértase en definitiva se Urbanismo actúa en consecuencia co que di defender. Pero, aínda por riba, gran parte da área de intervención da Pedreira tamén está afectada pola lei. 
En suma, o goberno de Boiro acaba de permutar chan presuntamente edificable en proporción un a tres, o que xa é grave, cando en realidade se descoñece o valor real dun e outro chan, o que é gravísimo. Pódese dicir que estamos ante un novo e singular convenio, un convenio virtual con valor a futuro. Será obxecto de estudo nos departamentos universitarios de toda Galicia pola súa novidade. 
Logo de asistir ás explicacións dos responsables locais de urbanismo non me queda máis que dar as grazas ao BNG pola súa xenerosidade ao dicir no seu slogan electoral que o ten todo pensado para min. Pero de momento, e co seu permiso, eu seguirei pensando pola miña conta.
Penso nun goberno forte e digno para o meu pobo, cun goberno ao seu servizo que invalide esta tolemia. E brindaremos con licor café.

Modificado el ( lunes, 14 de mayo de 2007 )
 
< Anterior   Siguiente >
Advertisement