Menú principal
Inicio
Listado
Enlaces
Mapas
Firmas
Contactar
Buscar
Novas externas
Foro
Formulario de acceso





¿Recuperar clave?
¿Quiere registrarse? Regístrese aquí
Sindicación
Últimas novas
Destacamos
Letras Galegas 2007 Imprimir E-Mail
escrito por Administrator   
miércoles, 16 de mayo de 2007

 María Mariño Carou é unha figura singular no contexto da literatura galega pola obra, pola biografía, pola recepción. Vinte e sete anos separan a publicación do seu primeiro libro Palabra no Tempo da edición de Verba que comeza. Ao longo dese tempo creouse arredor desta escritora un veo de misterio, alimentado polo seu afastamento do mundo literario.
 Naceu en Noia o 8 de xuño do ano 1907 nunha humilde casa da rua cega. Filla do zapateiro Xosé María Mariño e da costureira do Couto de Arriba Filomena Carou Lado. Era a cuarta de cinco irmáns, Concha (1898), Emilio (1901), Cándido (1902) e Asunción (1908). 
 A súa infancia e xuventude nesta localidade están marcadas polas dificultades económicas da familia, en 1910 prodúcese unha revolta na vila noiesa pola subida de impostos que provocou a morte de duas persoas cerca da sua casa, e a epidemia de gripe española que deixou sesenta mortos no casco histórico noiés, dous tráxicos acontecementos que sementarán amargos sentimentos na súa familia. Uns poucos anos de escola, pois o pai adicabase a gastar polas tabernas os poucos cartos que coinseguira como emigrante na Arxentina, e logo vese obligada a traballar como costureira polas casas. As amigas lémbrana como María a "Fiscala" porque tanto ele como as suas irmás traballaron de costureiras na casa dun fiscal do xulgado comarcal. Deixou o recordo de ser unha persoa estraña e solitaria.  
Por mor das dificultades económicas na sua casa, mandarona á casa de sua tia Consuelo Carou que vivia no peirao de Escarabote (Boiro), casada cun criado do Pazo de Goiáns, Vicente Martínez Martínez, quen chegou a heredar aquela propiedade ó morrer o antiguo dono Joaquín Barriere Pérez e a sua dona Maria Caamaño García sin descendencia. 
Trasládase logo Maria Mariño á casa de sua irmá Concha que estaba en Berango (Biscaia), dende que casara en 1919 co mariñeiro de Sopelana Juan Berranechea Villabeitia. Alí sorprendea o ataque da lexión Condor contra Guernika e a cruenta ofensiva das tropas franquistas para controlar as estratéxicas minas de ferro vascas. Durante a estancia en Euskadi, sigueu traballando de costureira naquel arrabalde de Bilbao, onde tiña fama de ser moi boa profesional, sendo os seus servizos moi solicitados pola burguesia vasca.
 Ainda non rematara a contenda cando regresa en tren de novo a Escarabote, onde montou un pequeno parvulario e coñeceu ó mestre boirense Roberto Posse Carballido que rexentaba a escola de nenos de Santiago de Lampón despois de ser desmovilizado do fronte de Asturias, casando con él na igrexa da Magdalena o 31 de maio de 1939. Foi a partir da boda cando a escritora comezou a mentir sobre a sua verdadeira idade, mentres no matrimonio canónico se quitou dous anos, no civil figura con seis menos, pois o seu marido era oito anos mais xoven que ela, cousa mal vista naquela época. 
Seguindo os destinos do seu marido, traládase a vivir a Arzúa onde pasa dende 1943 ata 1945, e vivindo en Elantxove (Biscaia) o curso de 1945-1946, sendo no ver-an deste ano cando regresa embarazada a Galiza, aproveitando que sua nai vivia en San Finx (Lousame) con seu irman Emilio que traballaba de mecánico nas minas de wolframio.  
trasladouse para dar a luz, pero o neno Roberto Pose Mariño somente sobreviveu uns dias nas casas baratas, naceu o 6 de setembro de 1946 e morreu por culpa dun mal biberón 34 dias mais tarde. 
Trala traxedia da morte do seu único fillo, instálanse, por motivos de traballo, primeiro en Romeor do Courel e logo en Parada, a onde se trasladan por consello médico a causa da depresión nerviosa que sofre a escritora. Neste lugar pasará María Mariño o resto da súa vida, fai algunha viaxe a Noia e Monforte e as vacacións nos últimos anos na cidade da Coruña.  
No Courel coñece a Uxío Novoneyra, quen promove a publicación do seu primeiro libro. Palabra no Tempo edítase no ano 1963 na colección "Tesos Cumes" da editorial Celta. No prólogo Ramón Otero Pedrayo saúda a "revelación dunha intimidade impresionante do ego da escritora cas cousas, de un desvelamento e senso tráxico do ser do tempo na serra". María Mariño comezara a escribir seis anos antes, primeiro en castelán, logo en galego.
 Sen apenas relacións no mundo literario, o illamento e a marxinalidade que caracterizou en moitas ocasións o labor creativo das mulleres condicionou a recepción da súa obra, mesmo chegou a suscitar nalgún momento dúbidas sobre a súa existencia e a autoría dos poemas. Creación singular no contexto da literatura galega, a escrita de María Mariño non obedece ás normas, a súa é unha poética crebada que tensa e racha a lingua á procura da voz que exprese ese "raro e valiosísimo mundo escuro" que, en palabras de Xosé Luís Méndez Ferrín, constitúe a súa obra.
 Habería que agardar 27 anos desde a publicación de Palabra no Tempo para que se dese a coñecer o seu segundo libro; unha edición promovida por Uxío Novoneyra e Antón Avilés de Taramancos e publicada polo Concello de Noia. No volume Verba que comeza recóllese unha ampla mostra dos poemas escritos por María Mariño no último ano da súa vida, enferma xa de leucemia. Antes, de acordo cos datos facilitados por Uxío Novoneyra, escribira dúas obras en castelán que non se coñecen: "Los años pobres. Memoria de guerra e postguerra" e "Más allá del tiempo". No ano 1994 Edicións Xerais publica a Obra Completa.
 Unha poética radicalmente intimista e unha linguaxe rupturista caracterizan, segundo Carme Blanco, estudosa da súa obra, a escrita de María Mariño. Unha personalidade literaria que se sitúa nas marxes do canónico no seu tempo. A súa figura suscitou e segue a suscitar interpretacións diversas. Unha mirada embazada durante moito tempo polo descoñecemento da súa vida e a desconfianza do proceso de escrita da súa obra.
 Os seus restos mortais repousan no cemiterio de Seoane do Courel.
 MARIA MARIÑO (Noia 1907-O Courel, 1967)
 

Modificado el ( domingo, 20 de mayo de 2007 )
 
< Anterior   Siguiente >
Advertisement